608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA X.VIZOSO

Sala 5 | Homenaxe ao Alfareiro

BARRO

Xe Freyre

Reputaba Cunqueiro o de oleiro por oficio moi próximo á divindade e dos máis antigos, pois non en balde, mantiña, Deus moldeara Adán en barro. A don Álvaro a querenza pola cerámica víñalle, xaora, do propio apelido, e no obradoiro dos Freire, con Vendaval o Vello –calvo, graso, rosado, discutidor, barítono, goloso de empanadas y muy amigo –, puxera a proba se o seu patronímico lle confería habelencias innatas para desenvolverse nesta arte. Non era así e laiábase de que ningunha das pezas trazadas pola súa man chegara ó forno, que é onde a obra acada a maioría de idade, pois non lograba unha vasilla dereita e todas, iso si, esburacadas.

En Mondoñedo, ós que tiñan por profesión a olaría chamábanos cazoleiros, tamén cacharreiros. Con independencia de que o inaugurara Deus, o oficio ben antigo si que o é. Sen medo a equivocarnos, atrevémonos a asegurar que arrastra a súa prosapia dende a protohistoria. Porén, talvez os primeiros artesáns ós que lles poidamos poñer nome sexan Xoán Domínguez (1258) e Domingos Eanes (1261), probablemente parentes, que nos respectivos anos aparecen realizando mandas a prol do cabido catedralicio.

Esta artesanía, esta industria, inicialmente debeu ser angueira complementaria doutras, que se exercería ocasionalmente e de maneira individual como accesoria de actividades económicas principais. Nas terras mindonienses non acada certa relevancia ata o último cuarto do século XVIII, cando se documentan tres obradoiros dedicados específica e exclusivamente á produción cerámica, nos que traballaban mestre, oficiais e aprendices. Salienta entre eles a fábrica de louza emprazada en San Queitano, fundada por Lorenzo da Riba Otero, cunha obra anual que oscilaba entra as 12 000 e 14 000 pezas. A mediados da centuria seguinte, conforme vai medrando a poboación e, conseguintemente, a demanda, duplícase o número de obradoiros, que andando o tempo, a fins do XIX, acadaban a ducia (Modia, Flores, Díaz, Castro, Rivas, Varela...), número que se mantén no primeiro terzo do XX (Vendaval, o Home da Neniña, Rañado, Granadero, Minas, Carracedo...). Aínda que boa parte destes obradoiros se concentraban no Couto do Outeiro, o certo é que se esparexían por toda a contorna da cidade: Os Muíños, A Faxina, O Pimpín, Río do Sisto...

Como pura industria, como actividade fornecedora de útiles para a vida cotiá, estes obradoiros esmorecerán engordiño ata a súa practica desaparición a partir dos anos setenta do século pasado, cando o plástico, o vidro, o aluminio e o aceiro varren os utensilios que, para as cociñas e comedores das casas galegas, xacando se elaboraban de arxila. Aínda así, a actividade mantívose viva ata a presente centuria, se ben de modo case testemuñal.

Hogano esta artesanía cobra novos azos, mais xa non na súa vertente estritamente funcional, afastándose da cerámica tradicional tanto nas formas como na decoración; tendencia, certo é, iniciada xa na década dos sesenta do século XX como consecuencia desa perda de uso práctico tradicional ou, mellor dito, do desprazamento de funcionalidade.

Durante séculos, a viaxe do barro comezaba nas terras de Abadín –para o barro mouro– e en San Cosme de Barreiros –no caso do branco–, as dúas variedades da arxila nas que se fundamentaba a cerámica mindoniense. Tan só o desengraxante, a mestura, procedía das propias terras do val do Masma. No barreiro co que contaba cada obradoiro almacenábase o barro mentres non se procedía ó seu primeiro tratamento, o pisado: un traballo duro que consistía en tripar cos pés unha piada de barro en bruto, previamente batida coas pas e humedecida con auga, trazando circos concéntricos sobre el co fin de esfarelar os carolos e lograr unha primeira masa dúctil e homoxénea.

Trala escolla, na que se sacaban as impurezas máis evidentes, este barro formaba grandes bloques de materia que se arrombaban á espera do seu uso. No mesado de mármore recibía a pasta o seguinte tratamento, gramándoa para tirarlle os algueiros máis miúdos, como as areas, que puideran estragar a obra ó modelala na fondeira.

Mentres o pé imprime movemento á roda, na fondeira as mans evocan as formas antigas, transmitidas de xeración en xeración, e alzan a peza, o polgar practicando o oco, o indicador alzando e estilizando os costados, formando as beiras, os bicos, ata lograr a vasilla pretendida, que desta quenda decidírase ser tarefa de potas almorceiras ou pucheiros do pingo ou xarros do leite. Repítese a liturxia do moldeado e, unha tras outra, o oleiro vai creando unha serie de vasillas xémeas, todas idénticas, mesma forma, mesmo volume, mesmo tamaño. A man lembra con exactitude.

O obra, disposta en renque sobre longos taboleiros, pasa ás varelas, onde secará uns días antes de recibir o vidrado, un bautismo que a dotará dun brillo intenso e característico tras pasar polo forno.

O enfornado ten tanto de traballo como de xolda. Son moitas horas de cocción e moita a xente necesaria para colocar as pezas no forno e alimentar arreo o lume, que se fai con casca e leña de piñeiro, tamén con toxo. Aprovéitase a noite para culminar o proceso. O ollo do cazoleiro saberá cando a súa obra está culminada.

Os debuxos debidos ó pulso de Xosé Vizoso xestáronse no obradoiro de meu pai, Tito Freire, que o debuxante adoito visitaba. Reflexan escenas que encheron os días máis afastados da infancia, imaxes ancoradas na memoria máis profunda. A contemplación destes debuxos ilumina de novo os ollos de quen foi neno feliz nun obradoiro de cazoleiros.


MENÚ