608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA X.VIZOSO

Sala 3 | Caricaturas

O propio Vizoso dixo nalgunha ocasión que el non facía caricaturas senón retratos. Porén, a pouco que se indague, no seu taller emerxen, por exemplo, “retratos” con narices esaxeradamente “gongorinas”, sen ir máis lonxe; con algunha destas acostumaba agasallar o seu benquerido patrón don Isaac Díaz Pardo que, aínda estando este moi ben dotado de apéndice nasal, o “narizísimo” debuxado por Vizoso era máis ben infinito que finito. 

Este home caricaturiza todo, TODO: cabalos, feiras, cardeais, gaiteiros, mouchos, curuxas, sapos e bruxas... tamén tunos, ferreiros, heroes da farándula, labregos e ceramistas... A súa obra é pura caricatura, benevolente e agradecida, chea de luces e cores que indubidablemente melloran a realidade. Vizoso non procura a semellanza, nin agraviar, senón o espírito e esencia mesmos da vida, o plasma que adormece tras a persoa, animal ou obxecto para elevalos ó cumio da solemnidade a través dun trazo, exento de adornos gratuítos, firme e sustentador de toda unha historia allea que, só el sabe achar máis alá da simple evidencia, porque o mestre ademais de mirar, ve.

EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA X.VIZOSO

Sala 4 | Ilustración e Logotipos

Vizoso é un dos grandes ilustradores da bibliografía galega moderna. E isto nun dobre sentido: tanto como deseñador e ideador de innúmeras capas (e contracubertas e aínda maquetas enteiras) das máis diversas obras coma tamén como responsable das ilustracións interiores de infinidade de títulos. E, neste sentido, a importancia das súas creacións adquire un dobre relevo: dunha banda, moitos dos seus traballos de ilustración constitúen un relato artístico de primeiro nivel, tecendo un feraz diálogo coas obras textuais que acompañan. Doutra parte, as súas magníficas tapas (tamén contracubertas e deseño de maquetas) resultan un soleira determinante na consideración e proxección dos volumes que visten.

EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA X.VIZOSO

Sala 5 | Homenaxe ao Alfareiro

BARRO

Xe Freyre

Reputaba Cunqueiro o de oleiro por oficio moi próximo á divindade e dos máis antigos, pois non en balde, mantiña, Deus moldeara Adán en barro. A don Álvaro a querenza pola cerámica víñalle, xaora, do propio apelido, e no obradoiro dos Freire, con Vendaval o Vello –calvo, graso, rosado, discutidor, barítono, goloso de empanadas y muy amigo –, puxera a proba se o seu patronímico lle confería habelencias innatas para desenvolverse nesta arte. Non era así e laiábase de que ningunha das pezas trazadas pola súa man chegara ó forno, que é onde a obra acada a maioría de idade, pois non lograba unha vasilla dereita e todas, iso si, esburacadas.

En Mondoñedo, ós que tiñan por profesión a olaría chamábanos cazoleiros, tamén cacharreiros. Con independencia de que o inaugurara Deus, o oficio ben antigo si que o é. Sen medo a equivocarnos, atrevémonos a asegurar que arrastra a súa prosapia dende a protohistoria. Porén, talvez os primeiros artesáns ós que lles poidamos poñer nome sexan Xoán Domínguez (1258) e Domingos Eanes (1261), probablemente parentes, que nos respectivos anos aparecen realizando mandas a prol do cabido catedralicio.

EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA X.VIZOSO

Sala 2 | Retrato

Tiñamos a sospeita. Os resultados obtidos dunha pequena enquisa déronos a razón. Quedou comprobado que a maioría da xente non coñecía a obra de Xosé Vizoso na súa vertente como retratista, mais mesturados os seus traballos cos doutros artistas todos logran identificalos inmediatamente porque “nada máis velos provocan un chispazo na mente- din - un algo que os fai únicos e diferentes”. A que se debería tal singularidade se os retratos foron feitos in situ na súa maioría, lonxe dun estudio coas condicións esixentes que require a teoría? O seu trazo, sen medo, capaz de transformar en sublime ata un aruxo pequeno e a forza vital dos seus ollos negros afeitos a radiografar xusto o imprescindible, fainos pensar que Vizoso posúe ese don xenial, privilexio dos elixidos, que lles permite comunicar directamente a alma cos dedos e así inmortalizar no lenzo non só o que vemos nese momento senón que reflicte tamén, a modo de espello, canto garda o retratado nos seus adentros.

EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA X.VIZOSO

Sala 1 | Cartelería

O propio Isaac Díaz Pardo definiu a Vizoso como "un magnífico cartelista". A verdade é que os seus carteis non deixan indiferente a ninguén e neles podemos atopar unha certa inspiración na obra de Luís Seoane, Castelao, J. Renau, Picasso ou seu mestre Puchades (probablemente quedará algún máis no tinteiro). Do quen non cabe dúbida e que a cartelería de Vizoso ten a identidade de autor, esa marca persoal e intransferible tan difícil de lograr.

Vizoso, sempre altruísta e xeneroso, creou carteis para múltiples feiras e festas populares, profanas e relixiosas, xornadas, seminarios, mostras, romaxes, concursos, trofeos deportivos, feiras do viño ou do salmón, para certames e representacións teatrais, para feiras artesás, desde a da olaría de Buño ata a do ferro de Riotorto. Mais, sobre todas as demais, para as que máis carteis ideou foi para estas tres: a Romaría de Santa Minia de Brión, a Queimada Popular de Cervo e as Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo; lugares os tres referenciais na súa biografía: onde traballou, onde reside e onde naceu.

A obra cartelística de Vizoso evolucionou, como é lóxico, con el e cos tempos, mesmo coas cambiantes técnicas, en constante evolución, de reprodución. Os carteis de Vizoso vanse refinando sen perder as esencias. Son sempre elegantes, proporcionados de cor, aparentemente sinxelos, elaborados, pensados e executados de maneira que poidan ser inmediatamente dixeridos, como se percibe o feixe luminoso dun flash, pola primeira atención do espectador.

MENÚ