608 807 895

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

Premios Internacionais de Podcasts Xosé Mosquera Pérez “O vello dos contos”

Comezan os V Premios de Podcast. Xa podedes consultar as bases aquí.

cloud_download Descargar Bases en Galego


Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos, primeira estrela mediática galega e impulsor do Padroado Rosalía de Castro

Activo promotor de Unión Radio Galicia, contou co apoio da Cámara de Comercio de Santiago e do concello compostelán para que a radio chegase a Galicia e coloborou cos sectores máis progresistas da cidade e coa Liga Santiaguesa pro Estatuto. Este home humilde e discreto, ademais de ser a alma de diversas iniciativas culturais e políticas sempre vencelladas co galeguismo, foi o socio número dous da emisora compostelá, denominada co distintivo técnico de EAJ‐4, a decana da radio no noso país. Daquela oportunidade de progreso só eran conscientes algunhas persoas visionarias que confiaban no potencial educativo e transformador do novo medio de comunicación.

Xosé Mosquera Pérez, nacido en San Xián do Carballal, Enfesta, en 1895, usou o alcume “O vello dos contos” e converteuse na primeira estrela mediática de Galicia grazas a este popular personaxe que, xunto con Joselín -popularizado polo vigués José Rodríguez de Vicente-, crearía unha escola galega de contadores de contos da que foron representantes, entre outros, Xistral ou Farruco, chegando a facerse moi famoso en toda Galicia e mesmo en América, aínda que ficara despois no esquecemento.

As súas intervencións radiofónicas estiveron en antena entre xaneiro de 1933, cando botou a andar a programación estable da emisora, emitindo nos primeiros meses dende un locutorio improvisado en San Domingos de Bonaval, ata o mes de xullo de 1936, cando os sublevados entraron armados para tomar os estudios da radio, daquela xa na praza da Universidade. Durante este tempo foi o principal altofalante do galeguismo, participando na intensa campaña política a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Ademais das sesións de música galega e das conferencias de divulgación cultural e política, das que informa a prensa da época e a revista Nós, xa en 1933, tamén se programaron espazos de divulgación da cultura popular, emitíuse teatro do aire interpretado por un grupo de teatro radiofónico -do que recuperamos algunhas fotografías para esta entrada biográfica- e seccións de contos e refráns. Todos os xoves había unha sección infantil e xuvenil na emisora, da que “O vello dos contos” foi impulsor e elemento protagonista, seguindo a liña de animación cultural e didáctica que iniciaran as Irmandades da Fala para o adoutrinamento e culturización do pobo galego.

Facer radio na Compostela e na Galicia do seu tempo, cando só algúns galeguistas e progresistas albiscaban que aquela nova tecnoloxía sen fíos estaba chamada a ser o primeiro medio de comunicación de masas, era o xeito de Mosquera e doutros correlixionarios, como Antonio Fraguas, primeiro locutor da emisora, de contribuíren á tarefa colectiva de facer país espallando as mensaxes galeguistas e de concienciación política que caracterizaban a programación da emisora. “O vello dos contos” foi congregando a cada vez máis xente arredor dos receptores de radio e gañando popularidade até converterse na primeira estrela da radio galega.

Despois de cursar os primeiros estudos no Seminario, Mosquera estivo tres anos emigrado en Bos Aires, conseguindo unha boa posición, pero o amor á terra fixo que non tardase en regresar. Xa era un afeccionado ao teatro antes da chegada da radio a Compostela e a Galicia. Mesmo dirixiu o grupo de teatro Cativezas, entre 1923 e 1925, compañía coa que montou varias obras de autores galegos. Tras o seu paso pola Universidade de Santiago, onde estudou Humanidades e Maxisterio, traballou na administración duns almacéns comerciais, na zona vella compostelá, formando parte dunha sociedade con Ángel Estévez, Manuel Beiras e Balbino Viña.

Recuperado: O Consello da Cultura Galega

Autoría: Aser Álvarez González

MENÚ