608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

O Camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano

Están separados no tempo por 1.600 anos pero comparten valores e filosofía de vida. A rebeldía e o inconformismo de dous galegos que traballaron por unha sociedade máis xusta e igualitaria e que acreditaban que outro mundo era posible.

Por unha banda, Prisciliano, o heterodoxo que viviu no século IV e que tan ben sintonizaba co pobo galego, combinando os cultos precristiáns e os saberes druídicos co cristianismo primitivo, denunciando a corrupción da xerarquía eclesiástica. E que precisamente por iso morreu decapitado, acusado de herexía, en Tréveris (Alemaña) no ano 385.

E por outra banda, Ramón Chao, o neno prodixio do piano, xornalista, escritor e intelectual, nado en Vilalba (Lugo) en 1935, infatigable activista cultural e político, que coordinou durante décadas a sección hispana e lusófona de Radio France Internacionale, autor de memorables libros e artigos e creador do premio Juan Rulfo, que morreu en 2018 e cuxas derradeiras teimas foron Prisciliano e o movemento altermundialista.

Non hai espellos nos manicomios

Este proxecto naceu e medrou sempre cunha dobre finalidade; en primeiro lugar, cultural e artística, pois se trata dun traballo eminentemente creativo, onde se mesturan disciplinas relacionadas coa poesía, o vídeo, a pintura, a fotografía e a música. O punto de partida sobre o que se sustenta esta proposta é un poemario aberto á hibridación de diversos medios de expresión, pero cunha temática única, clara e definida: a enfermidade mental. Esta edición recolle sete composicións, cinco delas en versión dobre para, entre outros obxectivos, facilitar a adaptación musical de Miro Casabella, o autor da banda sonora do documental que complementa este libro, unha curtametraxe de Aser Álvarez para Arraianos Producións con montaxe de Antón Ramos. Pero, ademais da dimensión artística, este proxecto ten unha dimensión social moi vinculada ao ámbito da saúde mental e ao seu proceso de superación, un termo, este de superación que en psiquiatría non equivale a curación, senón a prevención normalización, recuperación e integración, un proceso que aquí se materializa nun caso concreto, o de Antonio Tizón, que biografía sen eufemismo, con sinceridade, o trastorno bipolar que padece. E ofrécenos a súa testemuña coa intención de que resulte estética e utilitaria á vez, unha historia de superación contada para el mesmo, para todas aquelas persoas que son coma el e para a sociedade enteira.

Florencio Delgado Gurriarán | Sen Fronteiras

Florencio Delgado Gurriarán é a figura elixida para as Letras Galegas de 2022. Contra o que sucedeu con outros homenaxeados, persoeiros coñecidos da nosa cultura, a Delgado Gurriarán eran poucos os que o coñecían antes desta designación. E incluso aqueles aos que lles soaba o seu nome pouco máis podían contar del que era poeta e no mellor dos casos, a súa orixe valdeorresa.

Mais agora xa sabemos que poucos persoeiros houbo tan merecedores dun recoñecemento coma este, por iso este Florencio Delgado Gurriarán sen fronteiras. onde recollemos materiais multimedia realizados ao longo deste ano.

Fillo de boa familia como era, podería vivir folgadamente no seu Córgomo natal. E malia iso, puxo os seus ideais galeguistas por diante de todo, incluso de si mesmo e do seu proveito persoal. E non só durante a guerra civil, senón tamén tras a súa chegada a México, cando se involucrou en todo canto proxecto cultural se lle cruzou por diante ao tempo que intentaba recompoñer a súa vida. Pese a botar case catro décadas do outro lado do Atlántico, nunca deixou de traballar por Galicia.

Toda a súa obra poética está escrita en galego, e grazas ao seu labor editorial outros autores puideron ver publicados os seus traballos. E no seu labor de tradutor, deulle prestixio á nosa lingua vertendo ao galego textos de poetas universais.

Máis alá da obra literaria, vencellada sempre a Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán é unha figura imprescindible na literatura galega e foi un dos bos e xenerosos que mantivo o facho do galeguismo aceso alén mar cando aquí non era posible. Beizóns!.

MENÚ