608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto

ROTEIROS

Desenvolvemos unhas rutas virtuais para percorrer diferentes localizacións relacionadas con Urraca para coñecer mellor esta figura e o patrimonio natural e monumental galego relacionado co Reino de Galicia.


Caldas de Reis

Moita é a historia que acumula esta fermosa localidade pontevedresa, berce do rei Alfonso VII e punto crave do Camiño Portugués, o segundo mais popular despois do Camiño Francés. Regada polas augas do Umia, as súas orixes remóntanse ao período castrexo prerromano, tendo como primeiros poboadores aos cilenos e sometida mais adiante polos romanos, quen lle deron ou seu primeiro nome: “Aquae Celenae” (augas quentes). Caldas de Reis estivo sempre estreitamente vinculada ao manancial de augas termais que se sitúa en plena vila. De feito, o termo "caldas" provén do latín e o seu significado é o de augas quentes, cuxo nacemento os romanos asociaban á divindade primitiva Edovio.

Hoxe en día segue sendo un referente do termalismo en Galicia, xa que as súas augas son unhas das máis beneficiosas para afeccións respiratorias, reumáticas e, sobre todo, dermatolóxicas. É por iso polo que, desde hai séculos, xente de moi diferentes procedencias recala en Caldas de Reis para tentar sandar as súas doenzas. No século XII, os Condes de Galicia don Raimundo e dona Urraca residiron en Caldas, onde pasaron longas tempadas, e onde naceu ou seu fillo, o futuro Rei Alfonso VII. A partir de entón, o pobo pasou a ser coñecido como “Caldas de Rex” e este topónimo acabaría denominando a actual Caldas de Reis. Ademais do seu valor histórico, a vila posúe un patrimonio arqueolóxico de interese, e un xardín botánico, declarado "Ben de Interese Cultural" pola Xunta de Galicia.

Ponte romana de Caldas de Reis

Unha das construcións máis antigas de Caldas é a ponte romana que cruza o río Bermaña. A actual ponte data do século XVI construída sobre os restos doutra ponte romana do século I. Tal é a simbiose entre ambas as construcións que segundo contan, custa identificar que partes son medievais e cales romanas. O mais rechamante é o cruceiro galego situado nun dos laterais centrais da ponte, que foi engadido á construción orixinal entre os séculos XVI e XVII. É un punto moi transitado, por ser Caldas un dos tramos do Camiño Portugués, e aínda así se conserva en moi bo estado. Próxima á ponte, nun lugar que se coñece como Campo da Torre, estaba a chamada Torre de dona Urraca, que xa non existe. No centro da vila atópanse dous templos de estilos moi diferentes, a igrexa de Santa María, un dos principais expoñentes do románico en Galicia, construído sobre outro que foi destruído por Almanzor no ano 1000, e a igrexa de Santo Tomás Becket, de construción relativamente recente (1890-1894), o único templo galego dedicado ao santo inglés. O xardín botánico de Caldas alberga unha variedade de especies sen igual en toda a provincia de Pontevedra, rexistradas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, entre as que destaca unha carballeira de árbores centenarias dispostas ao longo do Umia.

Torre de Urraca

Os condes de Galicia, Urraca e Raimundo, posuían en Caldas unha serie de bens, entre eles a Torre de Dona Urraca, unha fortificación defensiva situada no Campo da Torre, á beira da ponte e o río Bermaña. A principios do século XIII, esta torre pertenceu á mitra compostelá, nela tiña fixada a súa sede o pazo arcebispal, estaba habitado por un gobernador designado polos prelados de Compostela, tamén había unha capela para o uso dos arcebispos. No século XIX, a torre de Dona Urraca foi abandonada con motivo da desamortización. Así, desde 1845, os días de feira e mercado veñen celebráronse neste lugar. En 1879, era preciso reconstruír a igrexa de Santo Tomás, que se quedara pequena e ameazaba ruína, á súa vez a torre de dona Urraca atopábase nun estado lamentable. Ao ser a torre propiedade da igrexa, solicitouse ao arcebispo de Compostela, Miguel Payá e Rico, a autorización para aproveitar as pedras na construción da nova igrexa. E así foi como no ano 1891 a Torre de Dona Urraca foi demolida, un espectáculo que foi recollido pola prensa da época. Pero non era a primeira vez que a torre fora espoliada, no século XV, Pedro Bermúdez, “o vello”, da casa de Traba, utilizou a pedra da torre para a súa propiedade “A casa Forte de Peñaflor”, que recibira como feudo do Arcebispo Lope de Mendoza. Esta propiedade parece que estaba situada no lugar que hoxe ocupa o Hotel Torre do Río, a pouco máis de 1 km de Caldas.

Torre de Urraca durante a deconstrucción

En desagravio de D. Laureano, o promotor das obras, dise que tentou, sen éxito, que a torre fose declarada patrimonio nacional, dado o seu valor histórico, cultural e arquitectónico. Os restos que se conservan débense á intervención de don Laureano, que os salvou da demolición e incorporounos á nova igrexa. Trátase dalgúns perpiaños, xanelas e os peitorís que se poden admirar incrustados nos muros da ábsida desta igrexa parroquial.

Igrexa de estilo neomedieval, construída por subscrición popular entre 1890-94 cos restos da torre medieval da raíña dona Urraca, é o único templo galego dedicado ao santo inglés, Santo Tomás de Becket, arcebispo de Canterbury e gran chanceler de Inglaterra, que foi asasinado no interior da súa catedral, ao pé dos altares, por cortesáns do rei Enrique II de Inglaterra, cando en 1167 fora en peregrinación a Santiago facendo un alto na vila de Caldas.


Compostela

A Catedral

A construción da actual catedral iniciouse en 1075, baixo o reinado de Alfonso VI de León e Castela, e o bispado de Santiago a cargo de Diego Peláez. A Catedral foi construída segundo o mesmo plano que a igrexa de ladrillo monástica de San Cernían de Toulouse, probablemente o maior edificio románico de Francia. O templo foi construído fundamentalmente en granito. A construción detívose en distintas ocasións e, segundo o Liber Sancti Jacob, a última pedra foi colocada en 1122 e a catedral foi consagrada en 1128. Segundo o Codex Calixtinus, os arquitectos foron «Bernardo o vello, un mestre marabilloso», o seu axudante Galperinus Robertus e, máis tarde, posiblemente «Esteban, mestre de catedrais». Na última etapa «Bernardo, o mozo» (que posiblemente era fillo de Esteban) terminaba o edificio, mentres que Galperinus estivo a cargo da coordinación. O gran promotor das obras da Catedral sería Diego Xelmírez. Dous irmáns do futuro papa Calixto II, Raimundo e Enrique de Borgoña, tomaran por esposas ás fillas do rei Alfonso VI, Urraca e Teresa, herdeiras dos territorios de Galicia e Portugal; e terían así fortalecidos os xa sólidos vínculos entre a sede compostelá e o Papado, que se manifestan claramente no impulso que imprimiron Calixto II e o rei Alfonso VI ás peregrinacións xacobeas. A admiración de Xelmírez pola orde de Cluny achegouno ao conde Raimundo, que nomeou a Xelmírez, entón vicario da diocese compostelá, o seu secretario e notario persoal. O que facilitou as relacións entre Xelmírez e a abadía de Cluny e o Papa. Relacións que utilizou no seu proveito, e cabe dicir que tamén en beneficio da Catedral e Santiago en xeral. Ao pouco, con ocasión dunha viaxe a Roma, Xelmírez visita ao entón papa Pascual, promételle compromiso e fidelidade. E a cambio consegue a dignidade do palio, distinción outorgada polo papa a bispos e arcebispos, e, máis adiante consegue que o Papa Calixto II eleve a súa diocese ao rango metropolitano.

Como era a Catedral no século XII

Con este novo status, o territorio gañou privilexios como acuñar a moeda (potestade que ostentaban entón os monarcas). A meta desta concesión e das rendas que se derivaban non era senón finalizar as obras do novo templo. Diego Xelmírez tomouse moi en serio esta empresa. Das súas viaxes coñecía as técnicas e o estilo románico das construcións de Toulouse, Conques, Cluny e Roma, e promoveu o intercambio de obradoiros con tal de estar á vangarda da arte e conseguir o seu obxectivo: ser un referente do románico europeo. En relación co impulso da catedral, tamén desenvolveu un gran proxecto urbanístico para Compostela e fomentou a cultura, logrando que se mostrase Santiago como unha cidade aberta e próspera. Igualmente, iniciou unha serie de melloras para a acollida de peregrinos, como a creación de hospitais e albergues e a canalización e abastecemento de auga. Compostela converteuse así nun dos focos de maior importancia eclesiástica, política, espiritual e cultural de Occidente. Compostela goza dun singular privilexio concedido por vez primeira cara a 1122 polo Papa Calixto II. Del tense coñecemento grazas a outra bula de 1179, esta si conservada: a Regis eterna do Papa Alejandro III, que confirma o privilexio outorgado á Catedral polo Papa Calixto II (1118-1124). O privilexio consiste en que cada ano no que o 25 de xullo, festa do Apóstolo Santiago, coincida en domingo, poderanse gañar na Igrexa de Compostela as grazas do Xubileu. Debido a esta condición, os Anos Santos prodúcense con aparente irregularidade, separados por intervalos de seis, cinco, seis e once anos. O 2021 será o Ano Santo número 120 na historia, contando a partir de 1182. Os seguintes serán en 2027 e 2032. A Igrexa, co Ano Xubilar, institúe un tempo especial de graza, durante o cal é posible obter unha indulxencia plenaria para o perdón da pena que merecen os pecados cometidos. As condicións para gañar o Xubileu son:

1) Visitar a Catedral de Santiago onde se garda a Tumba de Santiago o Maior.

2) Rezar algunha oración (polo menos, o Credo, o Padrenuestro e pedir polas intencións do Papa) Recoméndase asistir á Santa Misa.

3) Recibir os sacramentos da penitencia (pode ser 15 días antes ou despois) e da Comuñón.

Pazo de Xelmírez

O pazo de Xelmírez é o antigo pazo episcopal da Catedral de Santiago de Compostela, situado no lado norte da catedral cara á praza do Obradoiro. Foi construído por Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago entre 1120 e 1136, aínda que do edificio orixinal só se conservan as portas de comunicación coa basílica: a porta de Gramáticos, a porta da Torre e a porta da tribuna. O edificio está aliñado coa fachada occidental románica da catedral, con tres plantas e acceso desde a praza do Obradoiro. Traspasado este acceso pódese ver o pórtico románico orixinal, oculto agora tras a nova fachada do século XVIII. Na planta baixa está a Sala de Armas, co vestíbulo ao carón (contiguo á torre da catedral) e o arco do pazo ao norte; esta sala está dividida por columnas compostas por catro máis delgadas en dúas naves con cinco tramos e con bóvedas de aresta. O pazo de Xelmírez foi a sede provisional do Parlamento de Galicia desde a súa constitución o 19 de decembro de 1981 ata que se trasladou ao pazo de Fonseca no verán de 1982. Actualmente o pazo ten un novo uso museístico, integrado dentro da área do Museo da Catedral de Santiago de Compostela. En agosto de 2012 acolleu a primeira exposición pública do Códice Calixtino, pouco despois da súa recuperación tras o seu roubo en 2011. En 2013 foi acondicionado como sala de exposicións temporais.

Un dos fitos da súa vida tivo lugar o mesmo ano de 1117, durante novas conversacións entre raíña Urraca e bispo na capital xacobea que derivaron en motín. Ambos tiveron que refuxiarse na torre do pazo episcopal, pois os insurrectos prenderan lume á catedral en busca de vinganza. Cando por fin o populacho achou o agocho de raíña e bispo, as reaccións de ambos bastan para situar a cada un no lugar que lle corresponde: Xelmírez arrincou a capa a un pobre vagabundo e escapou embozado, rubindo polos tellados da cidade ata refuxiarse na igrexa de Santa María. A raíña Urraca foi violentamente atacada e desposuída das súas roupas; pero, aínda así, en panos menores, plantou cara aos amotinados e cominoulles a que expuxesen as súas queixas, axudando con iso a acougar a violenta situación. Finalmente, accedeu a relevar a Xelmírez como señor xurisdicional da cidade e a repoñer a xustiza.

O Señorío da terra de Santiago

Urraca concedeu no ano 1120 o Señorío da terra de Santiago a Diego Xelmírez, un territorio no que nigún outro poder podería inmiscuirse. A importancia desta concesión levou ao desenvolvemento da zona convertendose este señorío no máis importate de Galicia.

Jose Miguel Andrade sobre o Señorio da terra de Santiago

As torres de Catoira

As torres de Catoira ou as torres do Oeste foron unha fortificación que xogou un papel fundamental durante o século XII repelendo os ataques normandos as costas galegas que pretendian chegar a Santiago. Xelmírez sendo coñecedor da importancia desta fortificación para a defensa dos tesouros da catedral manda reforzalo e mesmo constrúe instalacións portuarias e estaleiros para albergar a que se pode considerar a primeira frota de guerra dos reinos cristiáns da Península Ibérica, en loita cos sarracenos.

Restos das torres do Oeste


O Bolo

A Torre de O Bolo situada na Comarca de Valdeorras, son os restos dun castelo do século XII cuxa creación, inda que non temos datos concluíntes, se relaciona con dona Urraca. No século XV pertenceu aos Condes de Lemos e despois aos de Benavente. A segunda revolta Irmandiña deixouno maltreito en 1467 pero foi reedificado por Juan Pimentel. O castelo chegou despois en condicións decentes ata o século XVIII. A principios do século XXI foi restaurado e nas súas dependencias alberga hoxe un centro de interpretación.

Atópase baixo a protección da Declaración xenérica do Decreto do 22 de abril de 1949, e a Lei 16/1985 sobre o Patrimonio Histórico Español. A Torre do Bolo aséntase nun promontorio de 800 metros de altura que destaca polo seu escarpado acceso, sobre todo pola súa vertente sur leste. Xunto a ela creouse o pobo do Bolo que actualmente é o núcleo central deste concello. As súas características dominantes sobre a paisaxe circundante dan pé a pensar na existencia dun asentamento castrexo do que hoxe nada se pode apreciar polo paso do tempo e a construción de numerosas edificacións nos arredores.

Sábese da construción da Torre do Bolo xa no século XII e que eran oito as súas torres orixinais das que hoxe só pódese ver máis nada que unha. Na súa orixe a Torre do Bolo era unha fortaleza rectangular con sete cubos e a torre da homenaxe que resaltaba sobre as demais. Esta torre é a que se conserva hoxe e ten unha altura de 18 metros e perdeu tamén as almeas defensivas posteriormente. O interior divídese nun soto que foi máis tarde cárcere da vila e tres niveles sobre este soto. Como moitas outras torres a porta principal sitúase a altura para evitar ataques á que se accedía por medio dunha escaleira de madeira que máis tarde pasaría a ser de pedra. Ao seu ao redor poderemos ver algúns cubos defensivos e restos da muralla circular que rodeaba o conxunto. Aínda existe a porta de entrada ao patio de armas e un torreón semicircular que defendía a entrada. Tamén veremos un alxibe dentro do recinto.


Mondariz

A primeira referencia documentada que temos do actual castelo de Sobroso data do século XII, concretamente do ano 1117, cando segundo a “Historia Compostelá”, Dona Urraca é cercada nesta fortaleza pola súa irmá Dona Teresa, infanta de Portugal, e polos partidarios do seu fillo, encabezados polo Conde de Traba. Recluída esta nos seus calabozos, a lenda conta como logrou fuxir por uns pasadizos secretos que conducían ás beiras do mesmo río Tea. Na súa fuxida, Dona Urraca acudiu a Compostela en busca da axuda do arcebispo Xelmírez, para retornar e volver conquistar a fortaleza. Da muralla orixinal do século XII que protexía o seu castelo apenas subsisten restos.

Non ocorre así coa fortaleza construída no século XVII que foi restaurada no 2008. Desde tempos remotos, a vila de Salvaterra de Miño desempeñou un labor militar importante debido á súa estratéxica situación xunto ao río Miño. Nunha ladeira do Monte Landín atópase un promontorio onde no seu alto eríxese a fortaleza, foi construído sobre un poboado castrexo que do mesmo xeito que o castelo, elixiu este lugar tan privilexiado. A unha altura de 334 m sobre o mar desde onde se divisa un semicírculo de entre 8 e 12 km. Desde aquí controlábanse as comunicacións entre as terras interiores e o mar e a histórica vila de Tui. Na antigüidade, a parroquia onde se situaba o castelo era chamada San Martiño da Portela (porta). En 1926 cambiouse polo actual topónimo, Vilasobroso. O nome Sobroso”, antigamente “ Soberoso”, vén dado polo abundante número de sobreiras que poboaban o lugar.

Sábese que existiu outra fortaleza máis antiga no alto do Monte Landín, da cal se conserva hoxe en día unha fonte de pedra cun muro de cachotería moi antigo que probablemente pertencía a esta. Dise que xa polo século IX, Bermudo II refuxiouse nesta fortaleza (quizais na máis antiga) durante a batalla de Portela Arenaria (Vilasobroso), cando se enfrontaron ás tropas do rei de León, Ramiro II. Cara ao final de século, o mesmo Almanzor saqueou toda a zona, e o castelo tamén foi arrasado.

Foi practicamente destruído no 1467 durante as Guerras Irmandiñas e posteriormente reconstruído no século XV por Pedro Madruga. Paulatinamente a súa importancia estratéxica foise reducindo e a partir do século XVII quedou abandonado, arruinándose co paso dos anos. En 1923 é adquirido por Afasto Carrera Muñoz, un veciño de Vilasobroso, que se dedica á restauración deste monumento. En 1981 o concello de Ponteareas mercoullo aos seus herdeiros para terminar de restauralo e crear nel un museo histórico e etnográfico da comarca do Condado.

Actualmente é a sede do Centro de Recuperación e Difusión dá Cultura Popular do concello de Ponteareas, no que desde o ano 1998 se manteñen varias exposicións sobre oficios tradicionais como os de cesteiro ou zoqueiro, sobre o proceso tradicional de confección do liño, e unha colección de traxes rexionais da zona sur da provincia de Pontevedra.


Monterroso

Esta preciosa e peculiar torre atópase nas proximidades de Monterroso, en San Miguel de Penas, Lugo. Neste lugar Alfonso I o Batallador, cercou e venceu aos rebeldes galegos, encabezados polo Conde de Traba, e parte da nobreza galega, que defendendo os dereitos de Alfonso Raimúndez, fillo de Dona Urraca, proclamarano rei en Santiago de Compostela en 1109. Trátase dun conxunto monumental, que integran a torre, a igrexa e o pazo de San Miguel de Penas.

O Pazo de Penas ten contigua á torre unha fermosa igrexa románica que xa foi cedida por Alfonso III á catedral de Lugo no ano 819. A torre ten tres pisos e un semi soto. Din as crónicas que estaba comunicada coas torres do castro de Amarante por medio de sinais: «Para darse noticias do ben e do mal», como sinalou o cronista oficial de Monterroso e versado en temas históricos, Antonio Yebra de Ares. O conxunto monumental empezou a construírse na alta Idade Media, alá polo século VII, e non se remataría ata o XII. Contan as crónicas que Alfonso I chegou a traspasar cun venablo (pequena lanza) a un partidario da raíña en presenza desta, o que a desgustou moito, asañándose cos vencidos, chegando a executar ao alcalde do castelo como represalia Dise que foi ergueita con pedra levada da zona de Sirgal, onde tiña a súas terras Arias Conde, o primeiro cabaleiro coñecido da Ulloa, que construíu en Penas o pazo e a torre por ser mellor lugar e por estar fóra dá xurisdición de Monterroso, propiedade do Conde de Monterrei. Hoxe en día é propiedade dos Condes de Medinaceli, e foi restaurado grazas á subvención da World Monuments Funde, unha organización internacional norteamericana sen ánimo de lucro e que ten como fin a conservación do legado histórico e artístico. 


Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-2022

Urraca A raiña feudal

MENÚ