608 807 895

981 058 679

contacto@arraianos.com

Galeras, 13 2-8
15705 Santiago de Compostela

Formulario de Contacto


Ramón Chao, rebelde priscilianista

Moncho Paz

París, 1960. Buscaban un locutor que soubese portugués, español e música e alí estaba el. Presentouse á oferta de traballo de Radio France Internationale “porque tocaba ben o piano e falaba galego”, segundo confesaría nunha entrevista anos despois. E o rapaz chamado a ser concertista de éxito virou cara ao xornalismo. Esta é a historia de Ramón Chao Rego e do seu retorno a Vilalba, a súa vila natal. O fillo pródigo que regresou para sempre, porque nunca se foi. Irmán do teólogo Xosé Chao Rego (1932-2015), Ramón naceu en Vilalba o 21 de xullo de 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se desprazou a Madrid para proseguir a súa formación. No Conservatorio estudou piano, harmonía, composición e historia da música, ao tempo que cursaba o bacharelato no Colexio Apóstol Santiago.

En 1955 acadou o Premio Nacional de Virtuosismo e dende Madrid marchou a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estadía similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e composición con Nadia Boulanger. En 1960 entrou na redacción de Radio France como comentarista musical e, oito anos máis tarde, foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués. Ese mesmo ano gañou o premio radiofónico convocado por Radio Habana, sendo convidado polo Goberno cubano a visitar a illa caribeña. As súas impresións sobre aquela viaxe publicáronse en catro artigos no diario Pueblo; o quinto foi censurado. En 1980 ascendeu a redactor-xefe das emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Malia vivir en París, sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. Na capital francesa, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en galego, que serían prohibidas pola ditadura de Franco, exerceu como correspondente da revista Triunfo, a mítica publicación fundada por José Ángel Ezcurra, e mantivo unha columna de opinión semanal en La Voz de Galicia.

Á marxe da profesión xornalística, colaborou nas películas Llorens Artigas (1971), dirixida por Georges Ferraro para TVF, e Arriba España (1976) de José María Berzosa. Con este último compartiu posteriormente outros proxectos audiovisuais: 50 años después de la guerra (1980), Oú es-Tu? (1989) e Tres días con Onetti (1990). Chao creou e impulsou o premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France dende 1982 e organizado conxuntamente polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao.

Dende o seu posto na radio pública francesa espallou a cultura latina con extraordinaria eficacia a través da serie Esbozos, que tivo como protagonistas a Miguel Ángel Asturias, Jorge Luis Borges, Alfredo Bryce Echenique, Guillermo Cabrera Infante, Alejo Carpentier, Julio Cortázar, Gabriel García Márquez, Nicolás Guillén, Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti ou Severo Sarduy, entre outros moitos autores. Un elenco de escritores e intelectuais de primeira categoría que foron para Chao a lección aprendida de cada día. Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón á intelligentsia de América Latina e tamén do exilio español.

Colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa, foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991 e ascendido a Oficial en 2004. Ademais, en 1997 recibiu o Premio Galicia de Comunicación e, catro anos despois, o Premio LiberPress “pela seva coherència humana i solidaritat periodística”. O Estado español concedeulle a Encomenda ao mérito civil en 2003. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo tamén xornalista galego Ignacio Ramonet, con quen colaborou intensamente no colectivo antiglobalización Attac.

Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Xenio e figura, foi un home do seu tempo, un imprescindible que deixou fonda pegada en colaboradores e amigos. Como pai intelectual de varias xeracións, deunos leccións de música, xornalismo, literatura… E tamén da vida.


MENÚ