Do 23 de febreiro ao 7 de maio de 2023
Temos que atopar unha palabra para definir a relación entre a radio e os ouvintes. Non somos da familia pero levádesnos nos vosos móbiles e coches. Deixádesnos entrar nas vosas casas con tal confianza que coñecemos até as vosas cociñas, baños e dormitorios. Non é cousa dun día ou dun mes. A relación de Radio Galicia cos ouvintes fai xa noventa anos. E seguimos na procura da palabra axeitada.
Radio Galicia na República, coas súas esperanzas e convulsións; durante o golpe de estado militar, a guerra civil, a represión franquista e a ditadura; na chegada da democracia, da autonomía e do progreso social; no delirio dunha burbulla financeira que nos levou a unha crise global ou durante a pandemia que parou o mundo facéndonos reparar na nosa propia fraxilidade.
Houbo tamén moitas mudanzas na fisionomía de Compostela e de Galicia, nos hábitos, na sociedade e na recuperación da dignidade para o noso idioma. E así levamos xa case un século de convivencia con Radio Galicia, vibrando e respirando canda ela. En horas, minutos e segundos, coma o tic tac dun corazón que latexa coa forza da nosa voz.
Despois de noventa anos de vida canda catro xeracións de galegas e galegos, seguimos na procura da palabra para definir a nosa relación. Achegámosvos os rostros e as voces dalgunhas das persoas que estiveron, están e van estar sempre ao noso carón para informarnos, entreternos e acompañarnos. A ver se así damos coa palabra axeitada.
Na exposición podemos atopar
- 86 fotografías con máis de 60 protagonistas da historia de Radio Galicia ao longo dos 90 anos de historia.
- 49 podcast e enlaces con máis de 1 hora de contidos multimedia, principalmente compostos polas voces dos diversos protagonistas da radio en Galicia.
- Varios materiais pertencentes aos irmáns Portela Seijo, pioneiros da radio en Galicia: Un micrófono, tres radios antigas e a primeira gravadora de fío portátil creada polos Portela Seijo en 1940.
- Varios materiais relacionados coa figura de O Vello dos Contos (Xosé Mosquera Pérez) fotografías, guións, trofeos dos premios de podcast que levan o seu nome e o seu característico pucho cedido polo Museo do Pobo Galego.
- Placa orixinal de 1932 coa identificación de EAJ-4 Radio Galicia.
- Os tres premios ondas gañados por Radio Galicia en 1988, 2002 e 2013 e un Premio Serenidade que outorga a emisora.
- Varios obxectos, micrófonos, pósters entradas e tíckets relacionados coa radio fórmula e a radio musical.
- Ademais podemos atopar na entrada un “photocall” que nos permite sacar fotos como se estivesemos dentro dos estudios de Radio Galicia.
Error
RNE 90 años de Radio en Galicia
A Radio Galicia cumpre 90 anos cunha exposición da súa historia (galiciaconfidencial.com)
Un viaje onírico para descubrir a Camba desde el baño del Palace (lavozdegalicia.es)